Sunday 05 de May de 2024

Corrubedo revive o naufraxio do Debonair e o seu heroico rescate coa visita de Hanna Slater, neta dos seus tripulantes


Organizado pola Asociación Corrubedo XI Séculos, o adro da igrexa desta parroquia viviu un concorrido acto de homenaxe cargado de emotividade para os presentes: o reencontro dos veciños cunha integrante da familia Davis —Hanna Slater— case 59 anos despois de que os avós da rapaza (o norteamericano William Oscar Davis e a británica Heather St. Clair Davis) abandonaran a localidade a bordo do iate Debonair tras protagonizar un épico episodio que propiciou a concesión da medalla da Sociedade Española de Salvamento de Náufragos a todo o pobo, única distinción outorgada a título colectivo pola entidade da que se ten constancia.

O concelleiro Antonio Freire e máis Fernando Vilariño en representación da asociación rememoraron as circunstancias que conduciron aos dous tripulantes e ao seu fillo Thomas, de menos dun ano de idade, a Corrubedo en outubro de 1960 despois de naufragar coa súa embarcación e recalar na praia da Ladeira. Os Davis recibiron as atencións da parroquia corrubedana (que logrou rescatar o iate nun titánico esforzo que necesitou de decenas de persoas e animais) e especialmente da familia de Alejandro Reino, que os aloxou ata marzo de 1961, mes no que zarparon para Vigo coa fin arranxar os desperfectos do iate antes de seguir rumbo cara As Bahamas.

Dende entón non se tiveran máis noticias ata que no pasado xaneiro Corrubedo recibiu unha carta escrita pola filla dos tripulantes, Kay, na que explicaba que foi da vida dos seus pais (ambos morreron) e anunciou a próxima visita da súa filla Hanna a Vigo nunha viaxe de intercambio e a súa intención de visitar Corrubedo.

Foi a raíz desta visita que a Asociación Corrubedo XI Séculos organizou o acto de hoxe no adro da igrexa xunto ao monolito conmemorativo dos 50 anos do naufraxio do Debonair e a concesión da medalla de Salvamento de Náufragos, escultura erixida no 2010 por iniciativa do Club de Xubilados do Mar da parroquia. Antes de que se celebrase o acto institucional e baixo a guía de membros da asociación, Hanna Slater —quen acudiu acompañada da súa familia de acollida e compañeiros de intercambio— puido observar algúns algúns dos puntos clave na xesta do seus avós como a praia da Ladeira. Logo tivo lugar o acto de homenaxe con presenza do alcalde Manuel Ruiz, o cura párroco Gelasio López, membros da asociación e moitísimos veciños.

Punto e aparte merece a presenza no acto de Joaquina Reino, irmán de Alejandro, que tamén xogou un papel protagónico nos acontecementos de 1960-1961 —axudaba preparando a comida e noutros labores domésticos— e máis os fillos deste último, Alejandro e Agustín, daquela uns rapaces. A propia Joaquina quixo lembrar no transcurso do evento a figura de Luis de la Peña, un avogado de Santiago que tivo a idea de facer a plataforma de madeira coa que se conseguiu sacar o iate da area onde encallara e logo coordinou os traballos de rescate.

Durante a súa intervención, Manuel Ruiz felicitou aos veciños por este 1.100 aniversario como pobo e significou que este tipo de actos fan que a xente se sinta máis identificada co lugar onde vive. “Quiero agradecer esos brazos abiertos que siempre tuvo Corrubedo” sinalou antes de obsequiar a Hanna cunha réplica en cerámica do faro deste cabo, obsequio institucional do Concello.

O evento finalizou no interior do templo, onde Hanna tivo ocasión de contemplar prendida ao manto da Virxe do Carme a medalla de Salvamento de Náufragos que o pobo recibiu polo seu heroico comportamento fai case seis décadas.